unidad01.GIF (3378 bytes)

corpoh.GIF (5556 bytes)

01eu.GIF (8301 bytes)

 

EU

Eu teño a teima de chegar cedo a tódolos lados, o que non é un mérito, pois alí non hay ninguén que o testemuñe: os primeiros chegan media hora máis adiante. ¿E por que son así? Pois porque cheguei tarde o día máis importante da miña vida: cando Deus fixo o reparto de corpos. E tiven que me quedar co refugallo.

O meu corpo estaría ben do revés, pois parece unha pera con pernas e brazos e coa cabeza no sitio do cabo, se a tivese no piollo, non che estaría mal. Amais está cargado para diante, ou sexa, ten unha chepa.

A cabeza tivo uns cabelos negros, duros, e cheos de remuiños que nunca puden peitear, hoxe os poucos que quedan sonche da cor da borralla. Seguindo para abaixo, a fronte, agora moi amplia e chea de engurras, remata nunhas cellas espesas que case que servirían para un presidente, as que protexen un par de ollos pequenos, pitoños e moi xuntos a carón de un nariz de tamaño moi respectable. A boca, pequena e chea de dentes revirados, está enriba dun queixo cativo e dunha papada de cocho da ceba. As fazulas, coma case todo o resto da faciana, están cubertas dunha barba mesta e dura que non é doado barbear, pero, como é branca non se ve moito, con entrecollela un pouquiño os días santos, xa bo é. Tamén teño un par de orellas que serven para te-los lentes e pouco máis, xa que son xordo.

Din que os galegos son burros. Tamén din que fillo de porco, marrán seguro. Pois viras que non: eu recastei... para peor. ¿Que galego ós setenta anos non é dono dun comercio ou polo menos, dun cuarto de ómnibus? Pois eu, vivoche da minha xubilación de profesor. ¿E profesor de que? Pois do que lle teñen máis xenreira tódolos alumnos: física. ¿E polo menos casei ben? Non, a miña muller tamén é profesora e non tiña dote.

Ós meus aniños xa estou na antesala de San Pedro, agardando que chame o meu número, e cando chegue a miña hora e vexa ó Noso Señor, heime queixar. Pero agora estou matinando. se apaño todo o que fixen de bo, non teño para encher un cesto pequeno. ¿O Pedriño non me dará unha pasaxe de ida soamente para a barca de caronte? Esa que leva as ánimas á porta que ten un letreiro que di: "Ó entrardes acó, deixade toda esperanza". ¡Mal raio!

Pepe da Braña

 

Xogosatras.GIF (1503 bytes)