wpe9E.jpg (4751 bytes)

A dona, muller moi lercha, recibiunos recachando o fuciño.

-Vostedes non serán da xusticia, ¿non? Nin deses que chaman "desvestirigadores" ...

-Señora,  -atallou San Pedro- somos dous pobriños camiñantes que imos pola vida: esta á procura dunha cruz e eu na dun galo.

Reparou neles a muller con desconfío e como tiña o forno roxo comenzou a enfornar unhas bolas que daban xenio. O apóstol relambíase, porque era algo lampantín, e o marulán díxolle á dona:

-Muller, failles una bica a estes pobres, que están alampando.

-Será das raspas daquela artesa, e conta que de pan de trigo.

Rosma que rosma, fixo un boliño coma un ovo e deixouno no remol. Despois pechou o forno rezando o Noso Pai, e acabado, Noso Señoriño ergueu a man dereita marmulando:

Millo es, millo serás,
por máis que te amasen
non espilirás.

Logo que a fornada estivo cocida, o boliño medrara astra volverse fogaza e os pans de millo quedaron no seu ser, que desde aquela o millo nunca mais espiliu.

De: Nos, Nº 67

Alfonso R. Castelao Florentino Cuevillas