|
| |
Na chegada a Ourense da primeira locomotora
Manuel Curros Enríquez
Velaí vén, velaí vén avantando
cómaros e corgas e vales e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudádea, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
florecen os eidos.
Velaí vén, velaí vén tan houpada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos,
mais vén a fartura
¡e a luz! ¡e o progreso!
Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repenica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ao son dos pandeiros,
¡ós santos sorrisos
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos triunfos ibéricos,
requeimadas as fauces de sede,
vén o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ao sedento,
que a máquina é o Cristo
dos tempos modernos. |
|