|
| |
Ramón Cabanillas
(Fragmento)
No entanto, no scriptorium, do trafego arredados,
escribas silandeiros nas táboas debruzados,
mergullados no enlevo dun litúrxico rito,
ó claror das estrelas abertas ó infinito,
van fixando nas follas de alisada vitela
con cálamos e puntos e plumas de canela
os davídicos salmos, os épodos de Horacio,
as corónicas foscas do tormentoso Idacio,
os himnos de Prudencio, odas de Anacreonte
de ledicia e dozura inesgotable fonte
Terencio con Tibulo e o cantor de Farsalia,
preceptos florecidos nos ermos de Tesalia,
os libros dos tres santos de inmorredoira sona,
Xerónimo, Isidoro e Agustiño de Hipona,
o amado dos monxes, mantuano Virxilio,
a regra primixenia do inxente San Basilio
que levou ós ascetas das lauras ó mosteiro
e as cartas atronantes do rudo San Valerio.
Ali, o copista humilde de áureos antifonarios,
abrindo para a Historia tumbos e cartularios,
salvando do naufraxio a prezada semente
da cultura do Lacio, da Hélade e de Oriente
e esparxendo no mundo a divina Verdade,
as almas encamiña rumbo da Eternidade;
el sabe que se guía o cálamo amor sagro,
miniar un santo libro é sementar un agro,
Extendendo o plantío dunha arbre sempre verde
de froito que non cae nin se mirra nin perde,
e ve no seu traballo, cando as alturas fita,
que cada imaxe en trazo e cada verba escrita
é unha pasada firme na ruta ó pazo eterno
e un pau ó fogoneiro das caldeiras do inferno. |
Ramón Cabanillas
|