1ª PAGINA WEB DE LA EMIGRACION ESPAÑOLA EN URUGUAY

xacobeo.gif (6667 bytes)
XACOBEO '99

WB01727_.gif (697 bytes)
Vea las últimas novedades...
WB01727_.gif (697 bytes)
Baiona.JPG (12679 bytes)
WB01727_.gif (697 bytes)
WB01727_.gif (697 bytes)
WB01727_.gif (697 bytes)
WB01727_.gif (697 bytes)
WB01727_.gif (697 bytes)
WB01727_.gif (697 bytes)
WB01727_.gif (697 bytes)
XIS NAVEGADOR GALEGO

Navegador galegoWB01727_.gif (697 bytes)

 


castelao.GIF (68298 bytes)

O pasado xoves 28 de Xaneiro, no Patronato da Cultura Galega, levouse a cabo unha homenaxe, como xa é tradicional, lembrando unha vez mais a data de nacemento do noso guieiro, Castelao ( 30 de Xaneiro de 1886 ).-
Co local ateigado de xente, Toni de Searez, directivo da Institución, pronunciou as verbas de presentación, salientando algúns aspectos da personalidade do homenaxeado.- Logo, Manuel Mugico, Celta Blasco, Josefina Lema, e Nelson Regueiro, leron anacos das súas obras " Sempre en Galiza ", "Cousas ", " Os dous de sempre ", e "Alba de Groria ", traballo éste que reproducimos a continuación por consideralo fermosísimo e de moito interese:

Alba de Groria


" Miñas donas e meus señores :
Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa Terra e percorrela en todas direiccións, asistiríamos á marabilla dunha mañán única.- Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño á gorxa montañosa do Sil,
até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas de entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de Groria.- O día de festa comeza en Sant-Iago.- A torre do relox tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a tódolos campanarios da cibdade.- Pero, hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da catedral, con dinidades mitradas e ornamentos marabillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma basílica de Roma.- Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra-nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos.- Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montana.- E o badaleo rítmico das campás- de tódalas campás de Galiza, en leda algarabía - semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pola vouta celeste, turrando do carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo das sombras.- Hoxe é o Día de Galiza, e así comeza .-
Así da comezo a solemnidade deste día; a Festa Maor de Galiza, a Festa de tódolos galegos.- Pero, ninguén pode sentila, coma nós, os emigrados, porque en tal día como este reviven as nosas lembranzas acuguladas, e coa moita distancia agrándase o prodixio da patria.- Hoxe a nosa imaxinación anda por alá, en festa de saudades, escoitando as cantigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas pandeiros, aturuxos e foguetes ...
E, despois de evocar o repique matutino das campás - mal ou ben, ao xeito de Otero Pedrayo - eu podía evocar igoalmente, tódolos lances xubilosos deste día, hora a hora, minuto a minuto.- Pero, cómo se tornan tristes as alegrías
evocadas lonxe da patria ! Cómo doen as ledicias arrincadas do recordo da nosa mocedade ! E, cómo para min é certo o que dixo o mellor poeta da nosa estirpe :
Sen ti perpétuamente estou pasando
Nas maores alegrías, maor tristeza
Non; é moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo, nos deixe ver o pasado para proveito do futuro, como unha boa esperencia.- Podemos imaxinar, por exemplo, unha Santa Compaña de
inmortaes galegos, en interminable procesión.- Alí veremos as nobres dinidades e os fortes caracteres que dou Galiza no decorrer da súa Hestoria.- Verémolos camiñar en silenzo, coa faciana en sombras e o mirar  caído na terra dos seus pecados ou dos seus amores, agachando ideias tan vellas que hoxe nin tan siquera seríamos capaces de comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón.- Algúns verémolos revestidos con ricos panos e faiscantes armadura; pero, os máis deles van descalzos e nús, cos osos prateados polo fulgor astral.-
Ao frente de todos vai Prisciliano, o heresiarca decapitado, levando a súa propia caveira nunha arqueta de marfín e afincándose nun longo caxato, que remata coa fouce dos druídas, a modo de báculo episcopal.- Siguen a Prisciliano moitos adeptos, varóns e mulleres.- Detrás veñen dous magnates, que cicáis sexan : Teodosio, o grande Emperador de Roma, e San Dámaso, o Santo Pontífice da cristiandade, seguidos ambos por unha hoste de soldados i  ecresiásticos.- Ollamos dispóis unha ringleira de mortos escrarecidos, que
portan os atributos da súa dinidane ou da súa profesión .-
Alí distinguimos á virxe Eteria, a escritora pelengrina, con túnica de branco liño e camiñando con arfado compás.- Ao hestoriador Paulo Orosio, discípulo de San Agostiño, que marcha pensatibre, cun rolo de pergameos na man.- Ao bispo e cronista dos tempos suevos, a Idacio, que alumea o camiño
cunha lámpara de bronce.- A San Pedro de Mezonzo, o autor da Salve Regina Mater - o cántico e a oración máis fermosa da Eirexa -, cunha fragante azucena nos beixos.- Ao fundador San Rosendo que sostén litúrxicamente a custodia do noso escudo tradicional.- E moitos, e moitos máis, que é dificultoso recoñecer.- Logo vemos ao primeiro Arzobispo de Compostela, o gran Xelmírez revestido de pontifical, con aurifulxente cortexo de mitrados e coengos.- Após do prelado ven Alonso VII, o Emperador, con cetro na destra, espada na sinistra e coroa de ouro e pedrarías nas sens.- Siguen ao
Emperador: o Conde de Traba, seu aio, e demáis bultos da soberba feudal de Galiza.- Ollamos dispois os monxes letrados, en longa fileira, con velas acesas e libros abertos.- Ven detrás o mestre Mateo, o Santo dos Croques, co Apocalipsis debaixo do brazo, encabezando unha grea de architectos e imaxineiros, que portan as ferramentas das súas artes.- De seguida aparece unha moitedume de xograres e trobadores, en mistura de tipos e atavíos.-
Algúns semellan ter sido monxes; outros calzan esporas de ouro, en sinal de que foron cabaleiros; pero os máis deles van esfarrapados, con vellas cítaras, laúdes e zanfoñas ao lombo.- Alí recoñecemos a Bernardo de Bonaval, a Airas Nunes, a Eanes do Cotón, a Pero da Ponte, a Pero Meogo, a Xoan de
Guillade, a Meendiño, a Xohán Airas, a Martín Codax, Paio Gómez Charino, a Macías, o namorado, a Rodríguez del Padrón, e moitos máis, todos con lume no peito.- Non tardan en aparecer as dúas belidas e infortunadas irmáns, Inés e Xohana de Castro, a que reinou en Portugal dispois de morta e a que foi raiña de Castela nunha soia noite morna de vran, como dúas rosas rosas murchas levando en bandexas de prata as coroas do seu efímero reinado.-
Veñen de seguida os moitos varóns altaneiros de Galiza, os señores feudales, que non souperon vivir en paz, nin consigo mesmos, todos eles montados en bestas negras, dende Andrade, o Bó, seguido por un porco montés- símbolo totémico da súa casa -, até o valente Pedro Madruga, que leva o puñal da traición espetado nas costas.- Como grupo singular destácase o Mariscal Pardo de Cela, xunto cos seus compañeiros de marteiro, inxustamente decapitado, que sosteñen con entrambas mans as propias cabezas, aínda frescas, que deitan sangue e piden xusticia.- Tamén ollamos unha boa representación do feudalismo eclesiástico, e nel distinguimos aos tres arzobispos Fonseca, pai , fillo e neto, seguidos por unha mula cangada coas obras de Erasmo.- E, detrás de tanto señorío feudal ven a pé o seu mellor cronista, Vasco da Ponte.- De seguida recoñecemos a imponente tropa dos Irmandiños, que arrastran cadeas, con bisarmas e fouces mangadas en paus, levando por abandeirado a Rui Xordo, que sostén en outo un facho de palla acesa e fumeante.- Eiquí comeza a decaer a categoría do fúnebre cortexo, coma decaeu Galiza ao trocarse en povo vencido e subordinado.- Pero sigue dando individualidades, como Sarmiento de Gamboa e os Nodales, que camiñan xuntos, portando astrolabios, atlas e cunchas estranas; o filósofo escéptico, Francisco Sánchez, con muceta de doutor; os Virreis de Nápoles e das Indias, Conde de Lemos e Conde de Monterrei, que serviron lealmente a quén non merecía ser servido por ningún galego; os tres grandes embaixadores filipescos, Zúñiga, de Castro e Gondomar, que inútilmente derrocharon
talento, sabiduría e artes diplomáticas; os escultores Moure e Ferreiro, xunto cos architectos Andrade e Casas e Nóvoa, que ceibaron de cadeas a nosa orixinalidade oprimida; o P. Sarmiento e o P. Feixóo, que remediaron o retraso cultural de Hespaña coa súa poderosa erudición e o seu xenio enciclopédico.- Ven axiña Nicomedes Pastor Díaz, coa súa lira de nacra, abrindo a renascencia literaria de Galiza e seguido polos poetas Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro, Lamas, Amado Carballo, Manoel Antonio e tantos outros, todos con estrelas sobor das súas frentes; os hestoriadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro, os patriotas Faraldo e Brañas, a
pensadora Concepción Arenal, a escritora Pardo Bazán, e por fin o gran Don Ramón, ainda non ven descarnado ...
Acabo de citar uns cantos bultos da Santa Compaña de inmortaes galegos, uns cantos nada máis, porque, nos dous mil anos da nosa hestoria, os bultos cóntanse por milleiros.-
Di Oliveira Martins que na Hestoria non hai máis que mortos e que a crítica hestórica non é un debate, senón unha sentencia.- Pero todos sabemos que os mortos da Hestoria reviven e mandan sobor dos vivos - moitas veces desgraciadamente -, como todos sabemos que a mellor sentencia é a que se da dispois deun debate.- Por eso eu gosto de poñer a debate a nosa Hestoria, non a nosa Tradición, porque si ben é certo que se pode compor unha granda Hestoria de Galiza con soio recoller as crónicas dos seus grandes homes, tamén é certo que ningún deles, nin todos eles xuntos, foron capaces de ergueren a intransferible
autonomía moral de Galiza, á categoría de feito indiscutible e
garantizado.- Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta cunha Tradición de vaor imponderable, que eso é o que importa para gañar o futuro.- Cando a Santa Compaña de
inmortaes galegos, que acaba de pasar por diante da nosa imaxinación, se perde na espesura dunha froresta lonxana, con esa mesma imaxinación veremos xurdir do Humus da terra-nai, da terra da nosa Terra, saturada de cinzas humáns, unha infinda moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres
innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornable da patria galega.- Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos
usos e costumes, i en fin, o feito diferencial de Galiza.- Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a tódalas cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteista.- Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xermes incorruptibles da nosa futura hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial.- Esa moitedume de luciñas representa o povo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i, en fin, a espranza celta, que nunca se cansa.- Esa infinda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.-
Velahí o que eu quería decir neste Día de Galiza, en loubor da nosa Tradición, por riba da nosa Hestoria a tódolos galegos que residen nesta terra, que para nós é a segunda patria.- E nada máis amigos e irmáns.-
Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares .-
                                                    ( Agosto de 1948 )

Por preguntas o comentarios:  email.gif (139 bytes)  moebius@internet.com.uy

Última modificación:12/09/99