Nunha preciosa residencia de Salvaterra do Miño, con
xardín que dá ata a mesma beira do río, celebra hoxe sábado o seu 98 cumpreanos Manuel
Colmeiro, decano dos pintores profesionais galegos e posiblemente tamén de España. O
artista, que habitualmente alterna a súa residencia entre a casa de Vigo e a leira de San
Fiz de Margaride, preto da Estrada e da súa vila natal de Chapa, encóntrase
temporalmente nese centro miñoto onde a súa saúde se repón duns achaques invernais dos
que pouco a pouco vai saíndo gracias ás atencións dos profesionais, da súa esposa
Emilia e da súa filla, a ceramista Elena, que cada poucos días o visita. Tiven a
oportunidade de manter moitos diálogos nos que me contou a súa nenez en Chiapa, a súa
primeira viaxe a Arxentina como emigrante á beira dos seus pais, o seu retorno a España,
aínda antes da guerra civil; a súa volta a Bos Aires, xa como emigrante político e a
súa definitiva estancia en Francia durante moitos anos ata que, despois de varias viaxes
estivais a Galicia que se iniciaron en 1950, decidiu trasladarse no 1988.
Colmeiro, que en Arxentina conectou cos intelectuais galegos que realizaron a viaxe
forzosa a partir de 1939, posteriormente en París vinculouse con tódolos grandes da
pintura e da escultura española que residían na capital francesa, especialmente con
Pablo Picasso quen lle chamaba o galego. Colmeiro recorda as súas viaxes desde
París a Galicia. Nas viaxes posteriores, polo menos cada verán, adoitaba pasar uns días
en Vigo. "Ía a Coruxo onde os irmáns Álvarez Blázquez me cedían unha casa de
verán que tiñan á beira desa praia viguesa. Alí pintaba algúns cadros e charlaba
moito cos tres irmáns Darío, Xosé María e Emilio, así como cos irmáns Del Riego,
especialmente Paco. Tamén ía ó faladoiro do Bar Derby, onde se cruzan a rúa do
Príncipe e a praza de Urzáiz para acudir a un faladoiro ó que ían o poeta Julio
Sigüenza, o escritor Victoriano Taibo, o escultor Camilo Nogueira, o xornalista Blas Agra
ou o pintor Julio Maside, un home moi serio e estudioso ó que tiven ocasión de
comprometerlle uns gravados en París, pero non os puido facer porque xa se encontraba moi
enfermo; cando morreu eu estaba en Galicia e asistín ó seu enterro''.
Colmeiro ten unha boa colección de cadros que non quere vender. Quere que sexan para a
vila, para que os poidan admirar os visitantes a algún centro. ¿Cal? A incógnita está
a piques de desvelarse pois el xa confesou varias veces que podían integrarse nun Museo
de Arte Moderna que se crease en Vigo.